Crítica
Un texto de algo máis dun minuto
Cando unha escultura se fai nun minuto aínda lle agarda toda unha eternidade para seguir a configurarse. Estas fotografías-documentos-bosquexos, este campo minado de ideas escultóricas móbiles de factura rápida e breve que inventa e recrea Rosendo Cid son pezas lúdicas e inxenuas, prototípicas e elementais que fican aquí para dar testemuña da pertinencia do pensamento, do valor da dúbida e da efémera eternidade da alma dos obxectos.
Rosendo, que é un artista cultivado e sabio, lembremos, por exemplo, as beiras literarias que ten practicado decote, fai da obra artística un pensamento historiográfica e formalmente audaz, rápido de reflexos e connotacións. Fotografías onde o artista trata con eficacia científica cuestións referidas ao proceso e desenvolvemento da obra artística na contemporaneidade. Obras, por certo, conscientes da súa caducidade, habitantes dun mundo virtual que está a ser permanentemente finiquitado e absorbido polo marasmo de novas creacións.
A sabiduría é sempre consciencia do descoñecemento abisal no que nos atopamos e nese sentido, as imaxes de Rosenso son sabias por humildes, por conscientes da súa realidade, por precarias, e iso todo fainas especialmente pertinentes e necesarias nun medio artístico fatuo, pomposo e vacuo.
A súa laboura cuase que arquivística e académica resulta, polo demáis, leda e pracenteira por xogar co pensamento, coas formas, cos volumes, mesmo cos significados.
Xosé M. Buxán Bran (Coordinador do proxecto Alterarte, e comisario da exposición de Rosendo Cid "Esculturas dun minuto")