Notas
-
O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, estréase este mércores 11 de outubro nun total de 82 salas en todo o territorio español, 24 delas en Galicia. Trátase da maior estrea en salas dun filme en versión orixinal galega da historia. Unha sala chea dos Cantones Cines da Coruña recibiu o equipo da película para a estrea comercial do filme. O CORNO foi a película gañadora da Cuncha de Ouro á mellor película no 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
-
A VIII Xornada de Onomástica Galega explorará o 21 de outubro en Pontevedra o papel dos nomes propios e a súa riqueza na cultura popular. O encontro anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, prestaralle atención especial á presenza da toponimia e a antroponimia no cancioneiro, e terá tamén en conta outros xéneros.
-
O documental 'Doxandeem, cazadores de sueños', producido por Goree Island, vén de estrearse mundialmente no Festival Panafricano de cine de Ouagadougou (FESPACO), en Burkina Faso, e pasar por pantallas de Senegal, Francia e Alemaña. Agora, este vindeiro sábado 14 de outubro recalará en Ferrol, no Centro Cultural Torrente Ballester, ás 20 horas da tarde, co afán de reflexionar sobre a migración e a súa complexidade.
-
Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación do Outono Cultural, unha iniciativa que abrangue a meirande parte da acción da USC en materia de cultura neste primeiro período do ano. Esta nova programación leva aos campus de Santiago e Lugo múltiples propostas dirixidas ao alumnado da USC pero abertas, na súa maioría, ao conxunto da cidadanía.
-
Un modelo de intelixencia artificial da famosa cantante, presentadora e actriz Ana Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción "Florespiña" no AI Song Contest, a Eurovisión mundial da intelixencia artificial, que se celebrará o sábado 4 de novembro na Coruña. A iniciativa está liderada polo director creativo Joel Cava.
-
O espazo expositivo do campus de Ourense, a Sala Alterarte, arrancou este xoves a programación do curso 2023/2024 coa exposición Clinamen. Catro propostas de abstracción radical. A mostra, comisariada por Manolo Figueiras, conta con obras dos artistas ourensáns Alejandro Caporale, Antonio Fernández Seoane, María Puertas e Antonio Soria Rocafort.
-
4.162 espectadores viron algunha das 135 películas proxectadas na Semana de Cine de Lugo 2023, ou das facilitadas a Aspnais e aos centros penitenciarios de Monterroso, Bonxe e Teixeiro. 3.043 destes asistentes foron ás diversas sesións celebradas no Auditorio de Lugo, 769 nas outras salas da capital, e o resto en Aspnais e nos centros penitenciarios.
-
Kathleen March (Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe de forma destacada dende hai décadas á proxección internacional da literatura galega como crítica literaria e tradutora. En recoñecemento ao seu labor, a RAG recibiuna no Balneario de Mondariz como membro de honra. A filóloga reflexionou sobre o carácter global da literatura galega e propuxo novos camiños que cultivar para facela chegar “máis alá”, como fixeron Rosalía e Manoel Antonio.
-
O Festival Maré, que terá lugar en Santiago de Compostela entre este mércores 20 e o domingo 24 de setembro, anuncia a incorporación de novos artistas ao seu cartaz, así como o tributo “Celebrando a Kepa Junkera”, coa presenza do artista vasco, ou actividades como cine e un obradoiro de escrita creativa impartido por Ugia Pedreira e Nuno Pico, de Grande Amore.
-
A terceira edición do Festival Go!Go!Zo! porá o broche a case catro meses de actividades culturais tras reunir preto de 500 amantes da música no Monte do Gozo os vindeiros 23 e 24 de setembro para celebrar os seus tradicionais Combos Musicais e Macroactuación. Antes de pechar esta edición, o domingo 17 de setembro celebrará unha xornada especial de carácter solidario con actividades para toda a familia a favor do Banco de Alimentos de Santiago.