Noticias
-
Tivo lugar na Sala de prensa da Reitoría da UDC a presentación da terceira edición do “Estudo Demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés”. O evento contou coa presenza do reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira; e María Elvira Lezcano González e Antonia Pérez García, profesoras da Facultade de Turismo da UDC. Este proxecto, levado a cabo polas propias María Elvira Lezcano e Antonia Pérez, xunto cos profesores Carlos Rodríguez Carro e Iria Caamaño, contou tamén coa colaboración de varios estudantes.
-
O programa Xuventude Crea 2023 premia as mellores creacións en Fotografía e Artes Plásticas. Lucia Castro Álvarez, con 'Todos levamos sal nos ollos', fíxose co primeiro posto no certame de Fotografía; mentres que Abraham Alonso Méndez, coa súa pintura 'IA 1993', venceu na modalidade de Artes Plásticas. As outras creacións galardoadas polo xurado do Xuventude Crea foron en Fotografía as seguintes: 'Ellipsism' de Iria Álvarez Liñares resultou segunda clasificada e 'Persoas' de Alejandra del Carmen Vera Echegaray quedou en terceiro lugar. Tamén houbo dúas mención de honra para Naiara Ayelen Carrazza Ibáñez por 'Paisaxes da alma' e Rodrigo Cruz Gómez, pola súa obra 'Desarraigo'.
-
A sostibilidade é un dos aspectos nos que o Goberno galego vén traballando nas últimas décadas no tocante ao Camiño de Santiago. Iniciouse este traballo co Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021, e continúa, reforzado con 66 millóns de euros, no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, coa ollada posta no vindeiro Ano Santo 2027. Estes traballos xa supuxeron grandes avances en xestión ambiental, eficiencia enerxética ou hídrica, e en sensibilización de peregrinos e residentes. Entre os traballos realizados cabe destacar a posta en marcha de varios proxectos, como a catalogación do patrimonio natural e biodiversidade do Camiño, o plan de residuos da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago, a impulsión da compostaxe no rural, e outras tarefas de concienciación entre os peregrinos para a separación de residuos e uso de bolsas biodegradables axustables ás mochilas.
-
Pablo Picasso, durante a súa longa e frutífera traxectoria artística, explorou o campo da obra gráfica, onde atopou un medio de creación alternativo ao debuxo e á pintura, ademais de permitirlle unha maior difusión do seu traballo, xa que a obra gráfica posibilita obter varias estampas iguais a partir dunha mesma imaxe-matriz. Entre estas técnicas que espertaron o seu interese atópase o linogravado, co que realizou 199 imaxes. durante o acto de inauguración da exposición tamén se presentou o seu libro-catálogo, no que se inclúe unha publicación inédita titulada O gravado en relevo en Galicia. A linoleografía, de J. Daniel Buján, na que se amosa con exemplos de linogravados a historia desta técnica en Galicia.
-
'Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito' repasa a traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado, permitíndolle ao visitante asistir a un percorrido rigoroso e ameno para comprender quen foi, que legado nos deixou e o que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes. A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de 14 paneis informativos e didácticos e mesas-vitrina con material gráfico e documental pertencente a Del Riego.
-
Federico Mediante, a pesar das súas viaxes e experiencias diversas, mantivo un vínculo especial coa súa terra natal. Neste contexto, a autora, Ana Rosa Martínez Loredo, mergúllanos na fascinante vida do escritor, destacando a súa contribución á cultura española e, en particular, o seu impacto en Galicia. O libro non só ilustra a riqueza do seu legado literario, senón tamén a diversidade de talentos que contribuíron ao enriquecemento da sociedade. A presentación do libro é un testemuño da conexión innegable que Federico Mediante tiña con Galicia, e é un recordatorio de que, aínda que a vida levouno lonxe, o seu espírito sempre estivo arraigado nesta terra.
-
Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos inclúe un estudo elaborado polo historiador Alfonso Mato que introduce a reprodución facsimilar íntegra da publicación orixinal, na que colaboraran preto dunha vintena de intelectuais da época como Fernández del Riego, Filgueira Valverde ou Carvalho Calero. Por último, a edición da Xunta de Galicia engade un apéndice fotográfico do acto de presentación do caderno en San Domingos de Bonaval o 17 de maio de 1978, con imaxes achegadas por Xosé Díaz. Foi precisamente neste acto cando Ramón Piñeiro falou ante máis de 500 persoas da necesidade de fomentar os estudos sobre a realidade galega nun momento crucial para Galicia.
-
O documento adoptado hoxe no corazón desta comarca recolle unha vintena de recomendacións entre as que se inclúen a necesidade de seguir promovendo diálogos intersectoriais, foros, encontros e contribucións científicas específicas co fin de preservar o legado desta paisaxe excepcional marcada pola curso dos ríos Sil e Miño. Neste senso, instan a ampliar o coñecemento actual sobre estes sitios esteticamente impresionantes que combinan a biodiversidade agrícola con ecosistemas resilientes e un valioso patrimonio cultural. Os expertos recomendan aos gobernos e administracións públicas identificar e preparar inventarios destas paisaxes e do patrimonio vivo que está presente en cada territorio para fomentar o recoñecemento do seu valor e importancia.
-
A Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe os gañadores da fase final de Teatro do programa Xuventude Crea 2023 da Consellería de Política Social e Xuventude, que se celebrou a pasada fin de semana no Salón Teatro de Santiago. O xurado outorgou o primeiro premio ao grupo ‘As Guapilongas’, de Vigo, pola obra Prázdno. En segundo lugar quedou a compañía ‘Sarabia Teatro’, de Arteixo, que puxo en escena Diario dun tolo, e o lucense ‘Teatro D’o Carón’ fíxose co terceiro premio coa peza Ao fin, Hamlet. Así mesmo, concedeuse unha mención de honra ao grupo ‘Erantres’ de Arteixo pola obra Tres mistos.
-
Este encontro, dirixido por Mónica Luengo e Cipriano Marín, especialistas internacionais con experiencia en candidaturas recoñecidas pola Unesco, prolongarase ata o mércores e que se pode seguir tanto de xeito presencial como vía streaming, inclúe un amplo programa de actividades con presentacións, conferencias e mesas redondas, entre outras iniciativas, nas que participarán representantes de organismos como a Unesco, Icomos, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, así como das universidades e outras institucións.