Noticias
-
A Filmoteca de Galicia avanza no seu labor de recuperación, restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual coa recente dixitalización de máis de 30 películas de diferentes xéneros e formatos, realizada ao abeiro do programa Hub Audiovisual da Xunta co obxectivo de poñer en valor e difundir o seu arquivo histórico. Con tal fin, a programación que desenvolve na Sala José Sellier da Coruña conta este ano cunha nova sección que, baixo a denominación Materiais para unha historia do cinema en Galicia, está a exhibir diferentes pezas do fondo da cinemateca, entre as que se atopan filmacións de carácter industrial ou familiar, moitas veces anónimas, pero de gran valor documental á hora de reconstruír a historia do noso cinema.
-
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a “Bauhaus galega” polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
-
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
-
O Galiverso abre este mes de marzo unha nova fiestra ao universo dixital que conecta a Cidade da Cultura cos 11 centros que forman parte da Rede de Museos xestionados polo Goberno galego. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou na presentación deste novo Galiverso dos Museos, que poderá visitarse a partir do martes, de balde, na Cidade da Cultura. Román Rodríguez salientou o potencial dun proxecto que une arte e tecnoloxía para construír experiencias educativas e de ocio singulares coas que descubrir o patrimonio galego, e que visitaron xa máis de 18.000 persoas. Nesta quinta montaxe, o Galiverso dos Museos permite achegarse á colección artística, etnográfica e arqueolóxica conservada nos museos públicos galegos.
-
A Mostra Primavera enDanza de Carballo celebrará a súa 22ª edición do 12 ao 30 de abril cunha carteleira que inclúe seis citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Xunta de Galicia promove en colaboración coas entidades xestoras dos seus 41 espazos asociados. A carteleira preparada para o ciclo comeza con Vaivén, peza unipersoal de Marcia Vázquez, programada para o día 12 de abril; e Multiperspectivas #2, de Paula Quintas Cía., o día 13.
-
Durante tres días, recitais, concertos e faladoiros ocuparán o Teatro Principal e a Igrexa da Universidade reunindo representantes da cultura galega como María do Cebreiro, Abe Rábade, Guadi Galego, Su Garrido ou Alfonso Armada, este último responsable da lectura do manifesto, así como tamén artistas e activistas doutros países e culturas que converterán Compostela en centro galego da poesía. Ademais, o festival repite seccións xa consolidadas no seu programa como As mañás do ambigú, que se desenvolverán cada mediodía no Teatro Principal.
-
Presentouse o programa da décima edición de Escenas do cambio na Cidade da Cultura, unha cita que consolida a aposta por xerar espazos para o desenvolvemento da vangarda nas artes escénicas. Dirixido pola bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, este aniversario, que decorrerá entre os días 3 e 5 de maio, concíbese como unha celebración da traxectoria do festival e da súa capacidade transformadora. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou na presentación o carácter rompedor e diverso do festival, no que o público poderá gozar de 13 propostas que desafían, nos seus procesos e resultados, os límites da creación artística.
-
Xosé Luís Pensado (Negreira, 1924- Salamanca, 2000) foi un filólogo, lingüista e profesor que, entre outros aspectos, dedicou parte da súa vida á edición da obra do ilustrado frei Martín Sarmiento. Estudou os dous primeiros cursos de Filosofía e Letras en Santiago para trasladarse despois a Madrid, onde cursou a especialidade de Filoloxía Románica e fixo a tese de doutoramento con Dámaso Alonso, con quen traballou ata que en 1957 gañou por oposición a cátedra de Filoloxía Románica da Universidade de Oviedo.
-
Coincidindo co 20 aniversario da creación da Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), celébrase o Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil (2004-2024), que se desenvolve no compostelán Pazo de San Roque coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e do grupo de investigación universitario LITER21. A Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano é un grupo multidisciplinar e multicultural composto por profesorado de distintos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos que achegan claves estéticas para xulgar o feito literario.
-
O Centro Dramático Galego estrea en Galicia esta fin de semana o espectáculo Manuela Rey Is In Da House cunha serie de funcións para público xeral que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela do xoves 14 ao sábado 16 de marzo para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. A peza, creada conxuntamente entre o Centro Dramático Galego, o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, naceu como nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior desta unidade teatral.